Dez relatos sorprendentes, cheos de acción e invadidos por unha forte tensión emotiva compoñen a obra de madurez deste escritor betanceiro de 40 anos. As armas delicadas é unha viaxe ata un dos momentos máis sórdidos da historia actual española, os primeiros anos da postguerra. Con relatos de maquis e fuxidos como pretexto, o autor amosa aquí ata onde pode chegar o ser humano en condicións adversas. Un rosario de personaxes arrincados da historia e do mito aparecen nestas páxinas dotados da súa auténtica dimensión humana, ós que autor converte, se cabe, en aínda máis grandes ou máis viles do que a tradición oral foi confeccionando ó longo dos anos. Momentos de heroísmo, rancor, tenrura e brutalidade campan na acción desenvolvida por estes homes que un día foron os tristes poboadores das montañas galegas. Tamén aparecen os seus perseguidores, ?os cazadores de fuxidos?, que viven coa obsesión de aniquilar toda resistencia contra o fascismo, e os aterrados habitantes das vilas que tentan sobrevivir agochados baixa a liña de fogo daquela guerra somerxida que durou anos. A descrición da barbarie dos asasinatos, as torturas, o cárcere e o exilio vese aliviada pola poesía da paisaxe lunar e acuosa que envolve ós fuxidos. E o amor aparece como o único remanso de paz posible entre a voráxine de morte e destrucción. Estro Montaña adopta un estilo áxil e un ton irónico que logra esvaer por momentos a tensión destes relatos kafkianos. Sérvese de tramas propias dos mellores guións de filmes de suspense e de finais sorprendentes para xogar co lector. Nestes dez relatos aparecen referencias a traxedias como a matanza do bou Eva, acaecida no porto de Vigo en 1937, a personaxes de fábula como o Foucellas ou o aviador de Ourense que loitou no bando aliado contra Hitler na Segunda Guerra Mundial e tentou, sen éxito, abrir un corredor ata Lisboa para salvar os homes da resistencia francesa, así como referencias a certos escuros servidores do Movemento que actuaron impunemente e sen compaixón na guerra civil declarada contra os fuxidos.
