Este libro trata dos habitantes imaxinarios de Galicia, os habitantes dun mundo máxico, que non é distinto do real, ou que polo menos non está moi lonxe deste, e pode entreverse algunhas mañás, entre os raios de sol que perforan a néboa; un mundo encantado que se sitúa no afastado horizonte, alí onde apousa o arco da vella os seus beizos e bebe as augas dos ríos, cando chove e vai sol e o demo vai para o Ferrol cargadiño de alfinetes; que se insinúa na espesura dunha fraga, entre vellos carballos, á sombra dos que durmiña un xastre coxo e nugallán, que en sete parroquias non cose para ninguén e non dá tres pases e vano levar os demos; ou nas noites de San Xoán, á escasa luz das fogueiras, cando saltamos o lume novo e imos recoller o sabugueiro, as follas de loureiro bento, a herba cabreira que nace, pasados sete anos, do bafo que botan pola ventá esquerda do nariz os cabalos, e que abre tódalas portas. E pola madrugada, cando nos lavamos coa auga das rosas, sabemos que soñamos con el e que as mouras nos falaban e que as bicabamos na boca, aínda que se presentasen en forma de cobras. Ese mundo de marabillas, se non pode verse, pode sentirse, sexa nos cantos lúgubres das avelaionas e nos misereres da Compaña, sexa no vento que zoa, sexa nas orquestras soterradas baixo as fontes, sexa nas voces das catrocentas bruxas que están todas xuntas, sexa na vella voz da natureza. Os autores deste volume, o mesmo equipo que hai dous anos publicaran o Diccionario dos seres míticos galegos, diríxense agora ao público infantil e xuvenil co obxectivo de que os rapaces e rapazas aprendan a tratar cos mouros, cos ananos, con esoutra xente cativa que habita nos castros, nos pazos soterrados, que voen coas meigas por riba das silveiras e por baixo das carballeiras, ceibe para voar, nun abraiante voo nocturno, se cadra alá na Espenuca de Coirós, se cadra no Monte Faro, entre lóstregos salvaxes, á espera da lúa chea, se cadra sobre o Areal de Areas Gordas, por riba das gamelas e dos asombrados mariñeiros, netos de María Soliña, se cadra polos campos de Toledo ou de Sevilla, no aquelarre maior.
