A un ano das fatídicas datas nas que de novo unha catástrofe no mar vestía de loito Galicia, son moitos os galegos que se preguntan qué foi do Prestige. De cando en vez lemos nos xornais algunha nova información sobre o tema, pero semella que xa nos esquecemos do desconcerto do momento e da exemplar solidariedade recibida polo noso país como se xa non nos preocuparan os efectos do naufraxio, nin os afectados, nin o fuel que dorme no fondo das nosas costas, nin a ameaza doutras catástrofes futuras; como se todo o vivido fose un mal soño, un pesadelo do que finalmente acordamos. Esquecer as traxedias non é positivo, máxime cando se carece dun diagnóstico claro do problema e só se dispón de paliativos sintomáticos. Para contribuír a unha necesaria reflexión colectiva, un grupo interdisciplinar de profesores universitarios de Santiago e A Coruña preséntanlle á sociedade galega un primeiro balance das consecuencias do afundimento do Prestige na crenza de que nun futuro non moi remoto haberá que facer novas valoracións con máis datos e outros puntos de vista. Os traballos recollidos neste libro, lonxe de aspirar a converterse en axiomas, achegan elementos de reflexión e de xuízo que, dende a bioloxía, a xeografía, a antropolíxa e a ciencia política e da administración, pretenden ofrecer elementos substantivos para un debate social imprescindible.
