Baixo o luar do acantilado é unha entretida historia que ten como protagonistas ós mozos e mozas dun colexio. O relato vai pouco a pouco enganchando ó lector/a cunha trama á que non lle falta suspense nin tampouco fondura intelectual e humana. Baixo as aventuras latexan temas imperecedoiros como o da amizade e o do amor, pero tamén o da xenofobia e o da soidade. Annelies Schwarz describe ó longo de quince capítulos, cun estilo sinxelo e moi áxil, unha xeración de rapaces rodeados de violencia e ás veces tamén moi faltos de atención e cariño. Determinadas situacións familiares, agravadas pola realidade dunha sociedade acelerada que fai difícil deterse no que realmente é importante, xera tamén mozos e mozas conflictivos. Indagando nestes temas tan serios, a escritora non cae, sen embargo, na trampa do didactismo. Na obra tampouco aparecen modelos divididos en bos e malos. Os seus protagonistas son ante todo humanos, moi próximos ó lector/a sexa este un lector/a xuvenil ou adulto. Lars e Sevim, os protagonistas principais, agardan con ansia esa excursión a Cornualles (Inglaterra) na que por fin poderán estar xuntos durante un bo tempo sen ter que andar ás agachadas. Sen embargo, uns días antes, o profesor toma a decisión de non deixar viaxar a Lars polo seu reiterado mal comportamento. Lars séntese impotente e triste porque xa non poderá ir con Sevim, porque el tamén quere pertencer ó grupo, porque a súa nai non o entende e o seu pai fai tempo xa que se esqueceu del. Decepcionado, Lars busca unha solución e decide marchar pola súa conta trala clase. Nesta viaxe iniciática Lars vivirá novas experiencias entre as que destaca a súa amizade cun home que substituirá por un tempo, mentres non se decide a ir xunto á clase, a degorada figura paterna. Unha viaxe que tamén lle fará reflexionar sobre o seu pasado, a súa infancia pero tamén sobre o seu presente e a súa actitude e prexuízos fronte ós demais. No relato abórdanse sen intencións moraliza
