No tránsito -frustrado para nós- do medioevo á modernidade, as cidades e as clases urbanas xogaron un papel protagonista. Neste mundo de mercados e obradoiros, mais tamén de igrexas e casas señoriais, forxouse a nova Europa. Galicia non era allea ás transformacións, aínda tímidas, que se producían no século XV. A investigación que recolle o presente libro pretende mostrar a infraestructura económica sobre a que se había construír a nova sociedade. As actividades artesanais e mercantís configuraban o carácter da cidade. Ourense abría as súas estreitas rúas a estas actividades, mantendo a súa dependencia do campo circundante. A dialéctica entre estes dous polos do mundo baixomedieval (rural/urbano) é un elemento principal da contradicción entre dúas formas alternativas de organizar a sociedade: a feudal, que retrocede, e a capitalista, en emerxencia.