Sesentona e todo, aínda está de bo peteiro, que atrae ó seu paso ben máis olladas que moitas mozas no mellor da súa vida. É raro o día de raiola que non se vexa por aí, polas nosas rúas, as máis das veces soa; _anque tamén algunha que outra coa filla máis nova, e case nunca co home, cirurxián de prestixio, como sabes. Eu atópome con ela con relativa frecuencia no paseo do mediodía. A verdade é que dá o xenio do mundo ver arrandear a súa figura bringuela enriba do rítmico taconeo; por iso ás veces prefiro darlle gozo á meniña antes que palique a ela e só a saúdo de pasada ó cruzármonos, anque, iso si, tan atentamente como merece (tamén, recoñézoo, tan godalleiro como me sae de dentro, que un non ten que lle facer se é de natural espontáneo).