Catro ensaios que reflexionan, logo de vinte anos de vixencia da lei de Normalización Lingüística, sobre a situación actual da lingua galega e sobre as perspectivas de futuro analizando as diferentes políticas lingüísticas, as experiencias concretas de normalización desde a Administración municipal e a lexislación actual sobre a lingua e os dereitos dos e das falantes.A principios do século XXI, a situación da lingua galega segue a ser anormal. O galego está, aínda, desprazado de moitos ámbitos de uso e este uso implica, aínda, unha marca social ou política para o falante. Ademais, a cadea de transmisión interxeracional da lingua parece estar á beira dunha grave e definitiva ruptura. Logo de vinte anos de vixencia da Lei de Normalización Lingüística cómpre, cando menos, unha profunda reflexión acerca do camiño percorrido. ¿Hai realmente avances nestes anos que debuxen un futuro esperanzador para a nosa lingua? Edicións Xerais de Galicia, editores en lingua galega, desexa un horizonte de esperanza para a fala que nos deu existencia. ¿Cal é a situación real da lingua galega hoxe? ¿É certo que o galego, unha lingua con maior prestixio cada día, está en perigo de extinción como se ten afirmado ás veces? ¿Estase a producir a substitución lingüística do galego polo castelán? ¿Cal é a política lingüística oficial que se veu aplicando ata hoxe e cales son os seus resultados? ¿É necesario un cambio de rumbo nesa política lingüística e na actitude dos que se dedican á normalización da lingua galega? ¿Cal é o estatus xurídico da lingua galega? ¿Cal é o futuro do galego? Están son algunhas das cuestións que se abordan en A normalización lingüística, a debate, un libro que nace coa vocación de poñer un grao de area sobre esa necesaria reflexión en torno ao futuro da lingua.
