En Xeografía Histórica de Galicia non estamos diante dun libro de viaxes. Esta reinterpretación de Galicia realizada por un veterano xeógrafo irlandés pouco ten que ver co libro de George Borrow, que visitara Galicia hai máis dun século. Este libro, como acertadamente sinala o seu prologuista o tamén xeógrafo Xosé Manuel Souto, parte do visible para atopar o que se acocha por baixo da paisaxe: os asentamentos, os lugares de traballo (leiras e fábricas), as estradas, a organización territorial da sociedade, como compoñentes máis visibles da paisaxe cultural. Así as rexións culturais e naturais de Galicia son examinadas baixo o prisma teórico da Xeografía histórica, que serve para ensinarnos o noso propio País. A organización dos asentamentos, a estructura das paisaxes agropecuarias, os espacios marítimos, a protoindustrialización, a urbanización do territorio... son cuestións analizadas por O&180;Flanagan desde unha visión foránea, pero ó mesmo tempo moi cercana a nós. Este libro constitúe unha magnífica invitación para reflexionar sobre os alicerces culturais, económicos, sociais e medioambientais do noso País.
