Coidada edición encadernada en tea e cartoné, anotando e enriquecendo o magnífico traballo redactado en 1958, e dando noticia a pé de páxina, dos apartados nos que a crítica actual é capaz de fornecer de novos e sólidos datos acerca de Martín Codax, da súa obra e mais do seu tempo. Este texto, que no seu día foi merecedor do Premio Álvarez García, constitúe a penas un esbozo biográfico arredor de Martín Códax e do Vigo do século XIII. O autor define a vida de Martín Codax coma unha nebulosa, da que se descoñece mesmo o propio nome, pero na que non hai dúbida ningunha da súa fidelidade profunda de poeta cara ao mar. Martín Codax, cantor do mar de Vigo inclúe a edición dos textos codaxianos, acompañados da reproducción do Pergamiño Vindel, e doutras fontes da obra codaxiana. Unha edición, pois, oportuna e fermosa, que pon a disposición dos galegos de hoxe a obra de Martín Codax.