Este mosteiro fundouse a mediados do século XII por un matrimonio aristocrático co gallo de que nel se albergase unha comunidade bieita feminina. A partir dese intre, a escasa pero rica documentación que o mosteiro xenera ata a súa anexión por parte de San Clodio a finais do século XV, amósalle ao lector aspectos da historia medieval galega que noutras documentacións monacais apenas se adiviñan. A división administrativa do mosteiro en dúas mesas (abacial e conventual), a presenza de patróns na documentación do século XV ou a existencia dunha serie de vasalos totalmente dependentes do mosteiro son exemplos que ilustran esta riqueza documental. Ademais, o violento final de San Miguel, tomado polas armas, ou a propia anexión, que se estende por máis de trinta anos, mostran as complexas relacións de poder que teñen lugar na Galiza do século XV.