Jacques Fansten (Paris, 1946) é realizador cinematográfico, axudante de Chabrol. Entre os seus camaradas reuniu o diñeiro necesario para realizar o seu primeiro filme, A antevéspera do serán, unha historia de adolescentes. Desde entón filmou dez películas, nas que sempre a infancia é a protagonista principal. Cada tema que Fansten aborda (paro, fuga, separación dos pais, matrimonio, morte...) semella un pretexto para insinuar con humor que os adultos adoitan comportarse como nenos grandes. Esta mesma preocupación levouna Fansten ao terreo literario, e moi especialmente, A fractura do miocardio, novela que publicou con grande acollida de lectores na colección PageBlanche da prestixiosa editorial Gallimard, e que agora Xerais publica na súa colección Fóra de Xogo, verquida, primorosamente, para o galego pola experta man de Valentín Arias. A fractura do miocardio é unha novela sobre a amizade e a solidariedade entre un grupo de adolescentes. Antón ao descubrir a nai de Martiño, inmóbil no seu leito, diagnostica que se trata dunha fractura de miocardio. Martiño que vivía só con ela, non dixera nada, convencido de que se isto se sabe, hanme meter nun orfelinato. E isto non o quere martiño a ningún prezo... Axiña unha decena de rapaces de catorce anos, compañeiros de clase, vanse atopar no segredo de asumir sós a morte da nai de Martiño: agachando o terrible segredo a unha vila enteira. A fractura do miocardio é unha novela onde se mesturan humor, intriga e unha ácida crítica ao sistema escolar actual e ao mundo dos adultos. Sen concesións, os lectores quedan prendidos ata chegar ó remate que volve ser un novo punto de partida para un novo proxecto solidario.
