A partición das palabras xigantes e ananos en dúas metades e a posterior mestura cruzada, serve para dar comezo e título a este libro, que é un desatino do comezo á fin.Ana, a protagonista, comeza definindo ou describindo os xiganos e anantes. Posteriormente bate cun escaravello da pataca chamado Bocaxe, que lle conta a súa vida, logo de que esta lle axudase a botar unha carta no correo, aínda que é tal o xeito do escaravello que Ana pensa que non regula ben. Logo, baixo o epígrafe de A revolución das letras, encóntranse catro fragmentos dedicados ás letras do alfabeto, onde as letras cuestionan a orde alfabética, se aparecen máis veces nas palabras as vocais ou as consoantes, a organización das cosoantes en SCTRD, o Secretariado das Consoantes, e por fin, a revolución das letras, que non aceptaban a orde alfabética; e, despois, das letras, revolucionaranse as palabras, e despois os libros, e despois todo... Volve o escaravello cunha versión sui generis da resurrección de Lázaro. Por último, a historia dun cativo que tiña un defecto de pronuncia: non era quen de dicho te; e cambiaba o te polo que, o tepoloque. Como a tódolos que teñen un defecto de pronuncia, entaramelábaselle a lingua; claro que, no caso deste rapaz, encaramelábaselle...
