Un rapaz de cidade vai pasar uns días co seu tío nunha casa de aldea. Se alguén agarda deste comezo un relato máis de loanza da vida do campo, non pode andar máis trabucado. O tránsito do espacio urbano ó ámbito montesío onde se atopa a casa do seu tío, é para o rapaz protagonista moito máis que unha viaxe a lugares e costumes diferentes. É a entrada nun mundo de misterios terribles, de cobizas extremas, de conxuros capaces de facer acordar forzas soterrañas. E nese mundo de tebras, só unha moza a penas uns anos maior ca el ofrece ó rapaz algún apoio. A novela gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 1999 é unha anovadora contribución ó xénero de misterio e terror que conta entre nós aínda con escasa tradición.