Este é un libro de reflexión dende a experiencia. A experiencia do poder, que necesariamente condiciona a visión das cousas, e a experiencia de máis de corenta anos do autor adicados á vida política. Tamén é un libro de descubertas. E de autodescubrimentos. Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia dende 1990, ensaia nestas páxinas unha interpretación do país e, ó mesmo tempo, avanza propostas, argumenta decisións, salta á palestra para discutir ideas que nos afectan a todos e que, na maioría dos casos, responden a unha concepción pragmática do discurso: o que o home político pode facer aquí e agora. Cuestións candentes e de tanta actualidade como a Administración única, a valoración do idioma, a reforma do Senado, autogoberno e autoidentificación, as posibilidades de Galicia en Europa, o reto do mercado único, a nova orde internacional, etc., son tratadas nestas páxinas con sistematización e claridade. Na fronteira dun novo século, que é tamén a dun novo milenio, Galicia ten a obriga de facerse preguntas e intentar respondelas. Dende a necesaria pluralidade, a colección CRÓNICA incorpora unha nova voz especialmente significativa neste debate.
