Luís Álvarez Pousa, profesor de Periodismo Especializado na Facultade de Ciencias da Información de Santiago, xornalista durante 23 anos en La Voz de Galicia e director da revista mensual Tempos Novos, constata en A identidade fronte á rede, o ensaio que Xerais publica na súa serie ?Universitaria Comunicacion?, o potencial estratéxico dos medios de comunicación nesta fin de século, cando se experimentan transformacións derivadas da globalización e da emerxencia das identidades. Os medios contribúen de maneira decisiva, necesaria e imprescindible, á conversión das identidades colectivas étnicas en identidades colectivas nacionais. Velaí por qué a clásica definición socioespacial de identidade precisa complementarse cunha definición sociocomunicacional. Ás portas do terceiro milenio, a construcción da nación, da súa identidade, esixe un marco político específico, un territorio institucional que na sociedade contemporánea é sobre todo un espacio de comunicación. Galicia tamén pode ser un espacio de choque fronte ás estratexias de concentración nas que a sociedade da información descansa todo o seu poder homoxeneizador. Para Pousa tal vez sexa o momento de reformular posicións de partida, para definir o modelo de convivencia plurinacional, pluricultural e plurilingüístico que se empeza a demandar nos albores do ano 2.000. ¿Están os medios de comunicación galegos en disposición de aproveitar este potencial subversivo nesa dirección? A convivencia plurinacional esíxelles ós seus valedores asumir os riscos deste tempo de transicións e de cambios sen prexuízos. En calquera caso, terán que entender que o rescate económico e civil dunha nación debe nacer da súa propia cultura, das súas institucións, da súa política, do seu sistema de medios, do seu autogoberno. Non para ser excluíntes, senón para que o universal reforce a súa significación na pluralidade e na diversidade de culturas e identidades colectivas coas que facerlles fronte ós efectos da mundialización, que tende a uniformizalas. Esa capacidade existe, a da identidade fronte á rede. Escudriñar con perspectiva galega nese proceso é o que se fai nesta novidosa, documentada e arriscada reflexión.
