Toda obra literaria -poema, novela, drama- é un acto de comunicación lingüística que se diferencia de calquera outra forma de linguaxe polo uso duns caracteres propios que coñecemos como linguaxe literaria; o problema é saber se esta é realmente diferente, e se o é, en que difire da linguaxe verbal. Neste novo libro de Manuel Rosales o lector atopará unha aproximación á obra literaria a través de tres niveis de coñecemento ordenados nunha metodoloxía comprensible e ecléctica que permita seleccionar aqueles aspectos que mellor se adapten ao texto literario que vaia ser obxecto de lectura ou comentario. A obra ábrese cun breve percorrido pola historia da literatura galega e a súa relación coas demais artes. Posteriormente relízase un estudio polo miúdo e exemplificado das diferentes figuras e recursos que converten un texto en literario, así como un tratamento particular dos trazos lingüísticos e estéticos das formas literarias básicas: lírica, narrativa e teatro. Para rematar ofrécese unha proposta de análise de textos literarios mediante a que se poida apreciar o sentido que adquiren como obxecto artístico e comunicacional. Manuel Rosales (Marín 1955) é doutor en Filoloxía Hispánica e catedrático de Lingua e Literatura Galegas. Coautor do Manual de galego urxente (Xerais, 1987), é tamén autor doutros manuais para o ensino, como Prácticas gramaticais (Xerais, 1995) e Curso de lingua galega (Xerais, 1996). Publicou en 1997 un estudio titulado A narrativa de Castelao. Xénese e desenvolvemento, adaptación da súa tese de douotoramento. Realizou diversos edicións críticas de obras de narrativa galega contemporánea, ademais de colaborar como crítico en publicacións como Grial, A Trabe de Ouro e Anuario de Estudios Literarios Galegos.
