Homes do país recupera pequenas xoias literarias, perdidas ou esquecidas entre as follas máis vellas e románticas da primeira prensa galega, en coleccións dunha extremada rareza, tráennos á memoria imaxes vivas da nosa antropoloxía cultural. Os últimos homes con distinción na súa vida e no seu porte, os que fixeron posible este país, retratados con premura por quen tiña conciencia de asistir ao momento tráxico da ruptura coa tradición. Voces nosas que dan fe da crúa realidade substituíndo a mofa da pintura allea pola tenrura solidaria do máis fino veludo. Pezas inéditas ou case inéditas unhas; textos nados ó calor daquel proxecto da Galicia Literaria, outros, que agora se recupera por Edicións Xerais de Galicia en coidada e fermosa edición.