A nova entrega da triloxía Evanxélica memoria, proxecto narrativo co que Xavier Alcalá conta en clave de novela a represión sufrida polas comunidades evanxélicas en Galicia, céntrase no período que vai do final da guerra civil ao remate dos anos corenta. Nas catacumbas enfronta o lector ou lectora coa realidade dunha posguerra cruel, marcada pola brutalidade fascista e pola resistencia dos derrotados, que tentan sobrevivir nunha sociedade consumida e aferrollada polo medo. Xavier Alcalá recupera para a novela galega unha parte da nosa historia recente, e faino desde o punto de vista dunha das minorías relixiosas fiáis esquecidas, a dos protestantes galegos. Logo da publicación de Entre fronteiras, novela coa que cubría o período da Segunda República e da guerra, Nas catacumbas iníciase co remate da contenda e prosegue durante os anos corenta. Unha época marcada polo estraperlo, a guerrilla antifranquista, a presenza dos nazis en Vigo ou as brutalidades dos fascistas na persecución de protestantes e fuxidos. A través dos ollos do protagonista, un protestante que logo de loitar na fronte bélica tenta recuperar unha vida normal sen renunciar á súa relixión, Alcalá traza con man firme o relato novelesco dunha realidade histórica inesquecible. Nas catacumbasconfigúrase dese xeito como a novela da posguerra, un período pouco presente na narrativa galega contemporánea e que nesta obra adquire unha presenza contundente.
