Desde as páxinas de Xograres do mar de Vigo, asistimos, da man do profesor e especialista en Historia da Literatura Medieval Xosé Ramón Pena, a unha viaxe por momentos luminosos da nosa historia, da nosa conciencia como pobo creador. O libro iníciase cun estudio histórico sobre o tempo dos trobadores, -deténdose en analizar cuestións como a era compostelá, o nacemento de Portugal, o Vigo dos trobadores e as distraccións e o lecer no Medioevo-, sen esquecer a formación das linguas romances e o galego-portugués. O cerne do traballo do profesor Xosé Ramón Pena está constituído polo estudio do lirismo trobadoresco -abarcando dende a cronoloxía ó estudio da cantiga de amigo- e da obra dos xogradores do mar de Vigo, aportando os datos biográficos conservados e a interpretación da súa obra. O libro remata coa edición dos textos de Johán de Canhas, Martín Codax e Meendinho, ós que se engaden, tamén, o de outros xograres que glosaron o mar de Vigo Nuno Treez, Lopo Liáns e Airas Nunez. Un libro didáctico e divulgativo, dirixido ó grande público, merecida homenaxe os alicerces da nosa lírica.
