Aguantei na cidade o que me duraron os cartos e ó quinto día regresei a Vigo. Seguín día e noite matinando naquel enigma, relendo unha e outra vez aqueles textos crípticos, inescrutables para min. Pretendía que neles houbese claves moi profundas cando era probable que para outro fosen claros como a auga. Pero, ¿para quen? ¿Se non eran Samuel, Armehi, Sorena, os que podían ler o que eu non lía, por que Pauréns me enviou a súa casa, ou sede ou tapadeira? En definitiva, ¿de que lado estaban, e de que lado se supuña que debía estar eu? ¿De que lado estaba Pauréns? Por que, ¿había máis dun lado no que estar, sen contar o do inimigo?