Aínda está moi viva entre nós a memoria da guerra civil, e tamén dos longos e crueis anos da postguerra; unha época gris e amarga, sobre todo para quen tiveron que ver como os seus ideais quedaron esmagados. Ese é o tempo rachado do que se nos fala neste emotivo primeiro libro da escritora Margot Chamorro, que aparece na colección Merlin, no seu tramo de 13 anos en diante. Visto a través dos ollos dunha nena viguesa nacida nunha familia dos vencidos, é un relato testemuñal que, coa súa apaixonada sinceridade, nos chega directamente ó corazón, que recupera a memoria de sucesos inesquecibles como a celebración do Pri-meiro de maio de 1936, ou o día do Alzamento en Lavadores, aquela Rusia Chiquita, ou a das mulleres que levaban o xantar aos seus homes presos ás portas do Frontón. Tempo rachado, ilustrado con fotografías de época, cedidas polo Arquivo Pacheco, é unha estremecedora crónica, enchida de tenrura e cotidianidade, dun tempo, descoñecido ata hoxe por moitos dos nosos mozos, que se nos amosa con toda a súa miseria e crueldade. Un libro para nunca esquecer.