Antón contoume que escribira Tánata despois de lle ser diagnosticada a enfermidade que nolo levou. El deuma a ler, aínda con outro remate, algúns meses despois do diagnóstico. Ruco Lezcano sostén que escribiuna antes de ter coñecido o que había. Sexa premonición ou certidume da propia morte, non vai facer isto variar a dimensión de paralelismo entre Xoán o protagonista principal e o autor da novela. O argumento narrativo ao igual que en Mascarada é totalmente anovador ata a trasgresión, e moi incorrecto politicamente, o cal nestes tempos de mansedume sempre é de agradecer. Un escultor ben recoñecido acha no maleteiro do seu coche o cadáver dunha dona nova e atractiva. Tras denunciar na policía o feito, atópase con que ten que apandar coa morta e non se lle ocorre mellor xeito de facelo que disecala e convertila nunha escultura do seu estudio. É entón cando comezan os problemas reais. A pulsión erótica a que move a morta vai desencadear na familia e amigos do protagonista unha enfiada de acontecementos que rematará nun imprevisto, mais lóxico por inevitábel, final. Só nos ciclos naturais a morte é criadora de vida. Eis pois aquí o fondo real da novela o encontro na liña final do amor e a morte, no borde da conxunción de ámbalas dúas. Eros e Tánatos atraéndose, amosándose o un ao outro o que de cada un deles ten do outro. A morte física convertida nun obxecto de desexo erótico sen para isto ter que cruzar a barreira da destrucción. Coma pode supoñer o lector esta tensión non se pode manter indefinidamente e a traxedia é obrigada. Antón Risco vai facer unha excelente novela neste difícil equilibrio mantido ao longo de 144 páxinas que se len dunha xeira e sen descanso. Moi poucos serán os lectores que comecen o libro e lles dure máis dun par de días. Falar de ritmos narrativos, precisión de linguaxe, temporalización e outros recursos narrativos na obra de Antón coido que é unha obviedade nun autor que foi en vida premiado e recoñecido e que xa forma parte das historias da literatura e que de seguro hai ser do coñecemento do gran público mais cedo que tarde. Tánata é a primeira obra que sae do prelo tralo pasamento do Antón, mais non vai ser a derradeira pois deixou tras de si un bó feixe de creación literaria que vai permitir que siga nesta santa compaña de vivos nos vindeiros anos. Neste eido si que o autor sobreviviulle a Tánata; mesmo fora porque para disecal