Un libro de relatos sobre a lingua no que participan 18 escritores e escritoras: Xavier Alcalá, Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Xurxo Borrazás, Paula Carballeira, Ramón Caride, Uxía Casal, Henrique Dacosta, Lois Diéguez, Ánxela Gracián, Agustín Fernández Paz, Bieito Iglesias, Manuel Núñez Singala, Román Raña, Suso de Toro, Xelís de Toro, Xosé Vázquez Pintor e Luísa Villalta. Longa lingua xorde dunha proposta que ao tempo é un reto: escribir un relato co que tentar reflectir e interpretar a nosa realidade lingüística. O resultado: 18 narradoras e narradores que, a petición da Mesa pola Normalización Lingüística e publicado por Xerais, poñen nas nosas mans a súa peculiar visión do noso idioma e da súa situación social, nun volume insólito que demostra unha vez máis que compromiso e literatura poden ir da man axudándonos a entender e interpretar o mundo que nos rodea. Porque, parafraseando a Rilke, a lingua é a auténtica patria dos galegos e galegas. Botando man da innegable capacidade que a literatura ten para interpretar a realidade que a rodea, A Mesa propúxolles aos narradores e narradoras socios e socias da organización un exercicio de interpretación da realidade lingüística galega: escribir un relato no que se achegasen, desde a perspectiva que lles parecese máis interesante, a algunha das caras que presenta hoxe a situación da nosa lingua. Longa lingua é o resultado desa proposta, un volume que Xerais pon na man dos lectores e no que 18 autores e autoras nos ofrecen o seu particular achegamento á nosa lingua desde múltiples perspectivas. É, en definitiva, unha contribución á interpretación da nosa realidade lingüística e un convite para a reflexión e o debate que, a partir da literatura, pode suscitar a situación actual do galego. A Mesa pola Normalización Lingüística é unha organización social, plural e apartidaria, que, desde o seu nacemento no ano 1986, ten como obxectivo desenvol