Aquí, o autor, como debedor do asimilado ó longo da súa vida, réndelle solitaria homenaxe á poesía e á cultura árabes, especialmente a través do alento admirado e invisible de figuras como Omar Khayyam ou Ibn Zaydum. Os poemas de O sangue dos árabes érguense como un xeito de entender o mundo, como unha concepción estética e vital a un tempo, e materialízanse a través dos versos nos que o poeta lle ofrece solidariamente o seu propio sangue a unha cultura á que admira e á que debe. O sangue dos árabes é un libro fermosísimo, un poemario singular e tremendamente orixinal dentro do panorama da poesía galega. Pero O sangue dos árabes é, tamén, unha proposta realizada desde a experiencia que aporta o aspecto vivencial. Cos seus ritmos cadenciais e as súas formas foráneas, os versos van construíndo un oasis que empeza nos poemas de oriente, continúa nos palestinos, nos beduínos, e nos saharauís para acadar todos os destinos posibles. Cando anoitece, atopámonos ante un libro de poemas para escoitar embelesados nunha taberna de Basora deixándonos levar polo frenesí do ritmo beduíno.