Da man do xenial escritor viaxaremos cara atrás, á raíz dos nosos días, á nosa Historia colectiva oculta e á historia persoal dunha xinea de mulleres. Suso de Toro é unha das máis importantes figuras da narrativa galega contemporánea. Cada un dos seus libros é seguido por milleiros de lectores e lectoras que avalan unha obra orixinal e radicalmente comprometida coa contemporaneidade. Suso de Toro é autor dos libros de relatos Caixón desastre (1983), Polaroid (1986) e Círculo (1998), e das novelas Land Rover (1988), Ambulancia (1990), Tic-Tac (1993) Premio da Crítica Española, A sombra cazadora (1994), Conta saldada (1996) e Calzados Lola (1997) Premio Blanco Amor, da obra de teatro Unha rosa é unha rosa (1997) e do libro de conversas Camilo Nogueira e outras voces (1991). Colaborador habitual en prensa, guionista de cine e televisión, a súa obra ensaística está recollida nos volumes F.M. e outros textos e Parado na tormenta. A nova e agardada novela de Suso de Toro, despois da grande acollida de Calzados Lola, Non volvas recupera a historia dunha muller que abandona a súa vida na cidade reclamada polo seu pasado e volve ao lugar que lle está prohibido, a aldea da súa infancia onde súa nai lle pediu que non volvese. Fóra da súa vida e fóra do tempo pisa con paso fantasmal un lugar de sombras, unha aldea maldita, para desvelar os misterios da súa orixe. A xustiza pola man. Camiños dun territorio que só existe no tempo do soño, do pesadelo; como Comala, como Yoknapatawpha, como Macondo. Unha viaxe cara atrás, á raíz dos nosos días, á nosa Historia colectiva oculta e á historia persoal dunha xinea de mulleres construídas a poder dunha linguaxe literaria que quere atrapar o tempo íntimo e o tempo épico. E que nos arrastra coa protagonista nunha viaxe ao fondo do noso corazón e da nosa memoria.