O cuarto libro individual de Chus Pato, a autora ourensá, chega nun momento de consolidación. Por un lado, dunha poeta, de estilo e temática inconfundibles, que se afirma aínda máis como punto de referencia. Por outro, dun movemento. O da poesía feita por mulleres. Asentemos un principio: a mellor poesía dos últimos anos está feita por mulleres, e Chus Pato sobrancea moito entre todas e todos. E Nínive destaca na obra de Chus Pato porque derruba xa, sen piedade, o universo ameno onde se abrigan verbo e política contemporáneas. Nínive está pensado desde a exactitude. Fai imposible calquera reforma da beleza -unha idea de pasado, nenez ou historia- fabricada para o conforto, para a autocompaixón. O proceso narrativo deste libro constitúe, tamén, un xuízo, por veces obstinadamente irónico, á súa vida, que consegue facer nosa. Por iso, como tantas obras mestras, é amargo: expatriado. Nese sentido, Nínive é un libro atroz. Cando menos, esa foi a sensación que a autora tivo: que tal atrocidade era a súa propia vida.