Celidonia, bruxa profesional, chega un día a Xalundes, lugar famoso porque nel habita o xigante Xuvenco, que papou ó alcalde, ó garda de tráfico, ó cura... O que non saben as tristes xentes de Xalundes é que o descomunal e aterrecente xigante Xuvenco precisa axuda de contado porque, o pobriño, está doente. ¿Axudará a bruxa Celidonia o xigante papón? ¿Papará o xigante á bruxa, e á súa comadre Chincha e á súa afillada Chincheta? ¿Papará ós lectores desta obriña de teatro? ¡Mamasiña, que medo! é unha obra de medo... para morrer de risa. A autora de ¡Mamasiña, que medo!, Chus Pereiro, mestra de educación primaria, fixo diversas adaptacións de obras teatrais para ser representadas por diversos obradoiros de teatro infantil. Co tempo animouse a escribir as súas propias historias, caracterizadas sempre polo humor e os numerosos protagonistas que as compoñen, dando pé así á posibilidade dun teatro infantil lúdico e participativo. ¡Mamasiña, que medo! é o seu primeiro libro dentro da colección Merlín.A ilustradora de ¡Mamasiña, que medo!, Cuchi Soto, estréase, tamén, dentro da colección Merlín. O seu primeiro libro ilustrado foi Chirlosmirlos. Enciclopedia dos xogos populares, de Antón Cortizas, publicado por Xerais en 2001 .