grupo abeliano de Cid Cabido foi a obra merecedora do Premio Blanco Amor de novela 1999, organizado polo concello de Bueu. Cid Cabido (Xunqueira de Ambía, 1959), escritor, guionista, traballa en Edicións Xerais de Galicia, onde dirixe a colección Ferros. Autor dunha coidada obra narrativa, na que destacan obras como Días contados (relatos, Xerais, 1991), Premio Cidade de Lugo de Narrativa; Panificadora (novela, Xerais, 1994), Premio Blanco Amor de novela; e Oralmente pola boca (relatos, Xerais, 1997). En colaboración co actor Andrés Álvarez Vila obtivo o Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais coa obra Copenhague (Xerais, 1992). En grupo abeliano Seis ou sete mozos circulan durante unha semana por diversos lugares equivalentes a calquera outros. Situados á marxe da sociedade, observan e interveñen. A súa vontade maniféstase con inusual potencia persuasiva, modifíca o comportamento das persoas, dilúe os conflictos. Os compoñentes do grupo, indiscernibles como individuos pola peculiar forma de narración, saben con certeza o que non queren. Prefiren evitar a condena de traballar para que outros vivan plenamente. E sobre todo, queren irse, non importa a onde, malia ser conscientes de que o mundo é igual en todas partes. A voz narradora de grupo abeliano distínguese pola súa memoria selectiva, o constante ton irónico e unha relativa imprecisión comenenciuda.