Unha temática urbana, contemporánea, universal é a que se percibe en Derrota, obra cronoloxicamente anterior a Estrema. Doce personaxes anónimos, oito homes e catro mulleres, no espacio indeterminado dun parque público, protagonizan unha serie de escenas aparentemente inconexas entre si que progresivamente van adquirindo sentido para chegar a unha coherencia final que lles proporciona significado. A corrupción, a identidade, o paso do tempo, as relacións humanas... o mundo da marxinación, a morte, a droga, a delincuencia, o amor, a esperanza no futuro, todo se presenta ante nós a través das situacións que viven os personaxes no parque. É unha obra moderna na súa forma, de actualidade na súa temática. É un texto ben escrito e construído, admirablemente dialogado, que utiliza referentes coñecidos e que sabe alternar o cotián co transcendente, evitando o transcendentalismo pero transmitindo de modo moi eficaz o contido cunha poderosa teatralidade.