Manuel Seixas, profesor de filosofía e membro do Grupo Korosi Dansas, deuse a coñecer no mundo literario galego en 1996 co libro de relatos intimistas, Viñeron do espacio interior. Trala obtención do Premio Xerais de Novela en 1996 con A velocidade do frío, que deu pé en 1997 a publicación dun CD que recollía un conxunto de temas baseados na propia novela, publica agora dentro da colección ?Xerais Narrativa?, Bailarina, unha novela de amor e ciencia ficción. Bailarina desenvolve a súa acción no século XXII, no Ano Terrestre 2120. Manuel Seixas crea un Universo de cores e emocións, ateigado de realidade virtual e submisión fronte ó establecido, no que, paradoxicamente aínda existen pequenas estrelas raras. Estrelas que brillan intensas nesta Bailarina, peculiar novela de ciencia ficción inzada de paixón e intriga, na que os personaxes tentan atopar a identidade persoal entre labirintos de información controlada, ou o sentido da súa existencia entre a loucura do amor e o desamor. Velaquí xentes que non son o que parecen, sentimentos enfrontados á razón fría da tecnoloxía máis depuarda, relacións que se entrelazan nun fondo de incerteza e desacougo, nunha especial mestura de enigmas, bágoas e acción. Bailarina propón unha fantástica viaxe a través do espacio do corazón, unha inquietante e persoal visión do futuro, na que o lector pode xogar cos dados do azar á procura da solución para as eternas preguntas sen resposta.Manuel Seixas construíu un Universo Bailarina, xa que a novela se completa cunha exposición de colaxes, obra de Xurxo Romero, ?Imaxes para Bailarina? e cunha selección musical dos temas que se escoitan na novela e que acompañará as presentacións que do libro se realicen nos próximos meses.