Cuevillas procurou a nosa identidade nas raíces arqueolóxicas da Gallaecia e Foucault propúxonos unha arqueoloxía do saber. Ricardo Polín sitúase dalgún modo entre estas dúas referencias intelectuais, de aí que o Álbum de Galicia. A Muller Tradicional sexa un fermoso exercicio de arqueoloxía literaria. A pescuda arqueolóxica, insístese nos manuais, é antes que nada un rexistro minucioso de restos culturais que ten que permitirnos a reconstrucción do pasado. A escavación, dísenos recorrendo a unha gastada imaxe, é como a revisión demorada dun libro ao que se lle van arrincando as páxinas e o prehistoriador terá que restaurar a obra, o seu relato, personaxes e diálogos a partir dunha fragmentaria lectura. Hai outra forma de proceder: procurando as follas arrincadas, agrupándoas, reparando as estragadas, especulando coas perdidas... ata recrear o proxecto literario orixinal que as abeirou. Isto foi o que fixo Ricardo Polín.