A tradición lírica galego-portuguesa é a que transmite o maior número de cancións femininas da Europa medieval. A cantiga de amigo revélase nese contexto como un xénero dotado dunha gran riqueza expresiva e conceptual, xa que contén as marcas de experiencias literarias precedentes e contemporáneas, entre as que ocupa un lugar destacado o rexistro cortés. Esa suma de tradicións é a que determina a variedade narrativa, temática e retórica que caracteriza o xénero. A presente obra pretende achegar ó lector ó sistema literario da cantiga de amigo a través da análise daqueles temas ou aspectos que se consideraron máis significativos e que, nalgúns casos, veñen abordados por primeira vez no seo da crítica. Insístese nos elementos típicos do xénero, pero tamén na presencia daqueles outros que modifican os datos tradicionais para dar lugar a textos que destacan pola súa variación estilística ou temática.